martes, 8 de junio de 2021

 










                                         






















































2 comentarios:

  1. Queridas e queridos, a min tamén me encantou estar convosco e emocionáronme os vosos traballos de interpretación dos contos. Que casas fermosas! Que escaleiras! Que adegas ricas en xamóns e chourizos!
    Vou tentar contestar ás vosas preguntas:
    1.- En que ano recibiches o teu primeiro premio: Ola Víctor. Tiven a fortuna de recibir o primeiro premio en 1978, co primeiro libro que escribín. Iso pode ser bo ou malo, porque un escritor tamén se fai nas dificultades para publicar e eu, sen querer, vía publicado o meu primeiro libro ao pouco de rematalo. Era un libro de versos titulado "A fonte abagañada". Abagañada significa seca, estéril. Recibiu o premio Cidade de Ourense (a cidade onde nacín), na súa primeira edición. Logo volvería a gañalo, anos despois, co libro Miño, no que saen moitas das cousas que conto no libro da avoa Pepa, pero en verso.
    2.- Que libro che gusta máis dos que escribiches?. Ola Noa. Pois eu creo que "Os contos da avoa Pepa", porque dende o punto de vista da emoción, do significado que ten, é moi importante para min. Máis adiante contéstolle a Lois como naceu o libro.
    3.- Cantos anos levas escribindo? Ola Sofía, Noelia e Martín. Pois case toda a vida. Empecei a escribir poemas moi sinxelos con 14 anos, aínda que non me decatei ata os 16 de que había algo dentro de min que se quería expresar na escrita, que eu precisaba comunicar. Dende os 14 aos 65, van... 51, unha vida.
    4.- Cal foi a razón da túa profesión? Cal foi o primeiro libro?. Ola Inés. A segunda pregunta xa a respondín na pregunta de Víctor. Eu creo que a razón de escribir foi escoitar historias e ler. Sempre me gustou, e na casa, dende neno, tiven a Pepa, a miña nai, unha gran narradora. Hai algo máxico en escribir. Atende a isto: Aquela mañá Inés saíu tarde da casa. Chovía. Non ía chegar a tempo á cita que tan intrigada e inqueda a tiña dende a tarde anterior...
    Esa Inés da historia, esa situación, non existían ata agora, pero neste intre sucedeu algo novo, algo marabilloso. Quen é esa Inés? Que é o que a intriga? Xa queremos saber máis. Ese é o poder da literatura, empezas unha historia e a atención queda prendida.
    5.- Como se che corren as ideas para escribir? Ola Lois. Cada libro nace dun xeito distinto. Ás veces é algo que escoitas, que les, unha lembranza. Os libros van medrando dentro de nós sen que nos decatemos. Iso si, hai que estar atentos, porque nalgún momento o poema, a historia vaise manifestar e pedirnos que a escribamos. Outras veces é coma se un lampo atravesase o ceo e Zas! aí está algo que se inicia, un verso que pide un poema, un nome que pide unha historia, unha historia que pide uns nomes. No caso dos "Contos da avoa Pepa", estaban en min dende neno. Conteinos moitas veces: ao meu fillo, aos amigos, nos colegios que visitei. Pero... o resto vai na seguinte resposta.
    6.- Quen che animou a escribir os "Contos da avoa Pepa". Ola María. Penso que xa vos contei, e se non o fago agora, que unha noite espertei soñando co libro e con que o publicaba Kalandraka. Eu non tiña pensado escribilos, pero esa noite espertei ás 3 da madrugada e vino clarísimo. Debo dicir que eu pasaba un momento difícil, porque Pepa acababa de quedar cega e o Alzheimer avanzaba. Nesa situación de angustia naceu este libro luminoso. Contar estas historias axudoume moito.

    Moitas grazas e moitos bicos. Grazas polo voso agarimo. Espero ir algunha vez en persoa a vervos.
    Chisco

    ResponderEliminar
  2. Muchisimas gracias por esta actividad tan bonita y gratificante. Deseamos muchos éxitos y triunfos a Francisco. Profesora Rosalia, muchas gracias por compartirlo. 🤗

    ResponderEliminar

REUNIÓN FINAL

REUNIÓN FINAL 4º B Como ben sabedes xa tivemos a reunión final. Para todas aquelas familias que non puideron asistir, comparto con vós un do...